Axencia Local de Colocación

Arranca o FIE 2017, que xestionará arredor de 300 postos de traballo

Arranca o FIE 2017, que xestionará arredor de 300 postos de traballo

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acompañado da concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, inauguraron esta mañá as xornadas enmarcadas no Foro de Emprego 2017, que levan por nome "A economía circular, unha oportunidade para Santiago".

O alcalde destacou na súa intervención a "oportunidade que supón a economía circular para a nosa cidade, que consiste na mellor utilización dos recursos e na súa reciclaxe". Martiño Noriega lembrou que o Concello de Santiago xa foi pioneiro o ano pasado cunha iniciativa de economía circular chamada Prestogal, que "agora está a ser imitada noutros lugares e que é un dos 10 proxectos europeos innovadores no marco da economía circular".

Pola súa banda, Marta Lois destacou a economía circular como "un sistema industrial restaurador que substitúe o concepto de caducidade polo de restauración, optimizando materiais, produtos e sistemas. A economía circular, engadiu, "máis aló dos seus beneficios ambientais, pode ser un remedio social á crise do emprego que enfrontan os países europeos".

A día de hoxe recibíronse 115 ofertas correspondentes a arredor de 300 postos de traballo. Déronse un total de 3.185 inscricións nas ofertas de máis de 1.000 persoas diferentes. Ademais, enviáronse 809 currículos que se axustaban ao perfil requirido polas empresas. Da totalidade das ofertas, 17 son para persoas con discapacidade (un total de 33 postos).

Obradoiros e actividades de formación  

O alcalde e a concelleira fixeron tamén un breve percorrido polos obradoiros do FIE 2017, que está formulado como un espazo de información e encontro entre persoas demandantes de emprego e empresas que buscan persoas. Inclúe multitude de actividades formativas, de información e intermediación laboral, no que participarán máis de 2.000 persoas.

Entre eses obradoiros destacan o de portais de emprego e redes sociais, empregos emerxentes, marca persoal, interacción con empresas ou formación teórico-práctica sobre oratoria. Martiño Noriega e Marta Lois visitaron os de xoiaría e o de reciclaxe de materiais.

Plan(et) Ecocity Santiago 

O FIE deste ano está intimamente relacionado cunha convocatoria europea á que se presentou o Concello de Santiago, enmarcada no programa Plecocitys, que busca iniciar unha transición cara a Economía Circular no marco da xestión de residuos. O obxectivo é achegar propostas de solución innovadoras aos principais puntos febles neste ámbito: a gran porcentaxe de residuos orgánicos desaproveitados, a reutilización de produtos electrónicos e a procura dunha participación activa da cidadanía na xestión de residuos.

O proxecto impulsado pola Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo fundamenta o seu carácter innovador en tres piares: unha xestión completamente innovadora na xestión de bioresiduos, unha proposta integral que segue a lóxica da economía circular e a introdución de metodoloxías de innovación social apoiadas en modelos matemáticos para unha maior eficiencia na toma de decisións colectivas.

Con estas chaves preténdese reducir a porcentaxe de residuos que rematan en vertedoiro e incineración, impulsar o comercio tecnolóxico de segunda man, promover unha compra verde pública e privada e capacitar á cidadanía para facela partícipe dunha xestión municipal máis sustentábel. O orzamento previsto para o programa é dalgo máis de seis millóns de euros, aos que o Concello de Santiago se presenta para poder captalos.