Axencia Local de Colocación

O Concello organiza unhas xornadas para analizar a situación laboral no sector da hostalería en Compostela

concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá as Xornadas de diálogos polo emprego no ámbito local. O mercado de traballo no sector da hostalería, que organiza o Departamento de Emprego.

Nas xornadas, que se celebrarán o próximo mércores 11 de maio, participarán diferentes membros do sector da hostalería que debaterán sobre "asuntos que consideramos relevantes para analizar a situación do sector hostaleiro desde o punto de vista do emprego. En primeiro lugar, por tratarse dun sector estratéxico na cidade e, en segundo lugar, para analizar e traballar de cara a mellorar a estacionalidade no mercado laboral dentro deste sector", apuntou a concelleira.

Marta Lois estivo acompañada na rolda de prensa por Arturo González, director de Quadernas Consultoría e responsable do estudo O sector hostaleiro en Santiago de Compostela: afiliación, formación e condicións laborais, cuxas principais conclusións presentou ante os medios de comunicación. Entre elas, Arturo González destacou a necesidade de escoller entre a calidade e a cantidade, posicionando Santiago como destino de calidade, para mercados emisores maduros con alto poder adquisitivo.

O estudo parte de dúas fontes para analizar o mercado laboral dentro deste sector. En primeiro lugar, a análise dos datos de afiliacións á Seguridade Social no eido da Hostalería na cidade durante o ano 2015 e, en segundo lugar, enquisa a empregados/as e demandantes de emprego no sector nos meses de decembro de 2015 e xaneiro de 2016.

Mesas de traballo 

Desenvolverase unha primeira mesa de traballo (ás 11:00 horas), na que participarán o sector sindical e empresarial da cidade e na que se analizará o contexto socio-laboral do sector da hostalería na cidade. A segunda mesa celebrarase a partir das 12:30 horas e nela participarán docentes de Hostalería, o CIFP Compostela ou o profesor de cociña e copropietario do Restaurante A Estación de Cambre, que ten unha estrela Michelín. A segunda das mesas ten como obxectivo analizar a cualificación e a acreditación profesional no sector da hostalería en Santiago.A inscrición pode facerse a partir de hoxe na  web www.axencialocaldecolocacion.org. Hai un total de 200 prazas.