Axencia Local de Colocación

O Concello pon en marcha un plan de emprego xuvenil que beneficiará a máis de 300 mozos e mozas

A Xunta de Goberno aprobou este venres as bases e o procedemento para a selección das persoas participantes no Plan Xuvenil de Integración Profesional Mocidade con Emprego. Trátase dun programa que se vai desenvolver no período 2017-2020, e que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade da mocidade de Santiago, a través da creación de itinerarios formativos profesionais.

O alcalde, Martiño Noriega, salientou que este plan "é moi ambicioso, tanto polo seu orzamento polo número de mozos e mozas que se poderán beneficiar del". O programa ofertará 323 prazas, das que 227 serán para mulleres. Ademais, resérvanse 96 prazas para participantes con discapacidade, migrantes, de orixe estranxeira ou poboación xitana. Os participantes deberán ter máis de 16 anos e menos de 30 e estar desempregados. Terán prioridade os mozos e mozas empadroados en Santiago.

A posta en marcha do programa Mocidade con Emprego é posible grazas á subvención de máis de 1,5 millóns de euros que o Concello de Santiago obtivo do Fondo Social Europeo.