Axencia Local de Colocación

O Concello presentará este luns o Plan Estratéxico Talentia 2019-2021

O Concello presentará este luns o Plan Estratéxico Talentia 2019-2021

O Hostal dos Reis Católicos acolle o próximo luns un acto no que o Concello dará a coñecer, diante de responsables de empresas e xestores de Recursos Humanos, o novo Plan Estratéxico Talentia 2019-2021. Asistirán o alcalde, Martiño Noriega; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e dous responsables das empresas Televés e Finsa.

O obxectivo deste plan é dinamizar o emprego, non só no núcleo de Santiago senón tamén na comarca, partindo do talento como motor das empresas. Vaise desenvolver en tres etapas: a primeira fase, con Talentia como referencia en Galicia no eido da xestión e o desenvolvemento do talento. A segunda, xa no 2020, co obxectivo de expandirse a un eido máis estatal ao contar coa solidez suficiente tras dúas edicións. E, finalmente, unha terceira na que porá o foco en que este evento traspase fronteiras e se xere impacto económico en Compostela, coincidindo co Ano Santo 2021.

Talentia

O Plan parte de Talentia 2018, foro celebrado o pasado 13 e 14 de novembro no Palacio de Congresos e que se converteu nun dos maiores encontros do talento e do emprego, reunindo máis de 3.500 persoas nas dúas xornadas. Talentia 2018 naceu pola necesidade de conectar empresas e demandantes de emprego, de contribuír ao desenvolvemento das competencias para a empregabilidade e para dar a coñecer as iniciativas públicas e privadas implicadas no fomento, xestión e retorno do talento.

Tras o éxito deste primeiro Foro e da presentación do Plan Estratéxico 2019-2021, está previsto que se celebre unha nova edición de Talentia, que terá lugar do 21 ao 23 de outubro. O primeiro día estará enfocado a público experto, organizacións e empresas. E os dous días seguintes, o Foro estará aberto a aquelas persoas que estean demandando emprego. Poñeranse en marcha unha ampla oferta de actividades dispoñibles para certificar, formar, proxectar e conectar o talento.

Ademais, o acto do vindeiro luns servirá tamén para dar a coñecer o libro Talentia. Talento e emprego nas economías locais, que recolle todas as intervencións e debates de "Talentia 2018". A publicación nace coa vontade de servir de instrumento para analizar os desafíos e as oportunidades que nos ofrecen para Compostela o talento e as novas formas de emprego. Tamén inclúe reportaxes, entrevistas e, sobre todo, reflexións sobre o talento das persoas e as necesidades do emprego. Na redacción dos textos quíxose manter a linguaxe directa de cada unha das intervencións, cara a cara, ante o público.

Para consultar o programa do acto preme aquí