Axencia Local de Colocación

O Concello recibe 526.000 euros para por en marcha un novo programa de emprego para a mocidade

O Concello recibe 526.000 euros para por en marcha un novo programa de emprego para a mocidade

Marta Lois e o técnico responsable da área de Emprego, Xavier Ferreiro.

01/02/2018  A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, deu conta hoxe dunha nova subvención que vén de recibir o Concello de Santiago para poñer en marcha un programa de emprego xuvenil. Son 526.564,16 euros procedentes de fondos europeos e canalizados polo Ministerio de Emprego.

Tal e como indicou Marta Lois, "continuamos así recollendo os froitos do esforzo que vimos facendo estes anos por mellorar o emprego na nosa cidade, a pesar de que a competencia directa para facelo non corresponde as administracións  locais”

Estes 526.564 euros veñen a sumarse ao millón e medio de euros que "captamos no pasado ano para o plan Mocidade con Emprego, tamén vencellado ao emprego xuvenil, que é unha das grandes preocupacións da veciñanza". Así, para este ano 2018, o Concello disporá de 2 millóns de euros de fondos externos para impulsar políticas de emprego para mozos e mozas.


O Plan xuvenil de cualificación profesional Impulsa dirixirase a mellorar a empregabilidade de 85 persoas no sector das Tecnoloxías e da Comunicación (TIC) a través de cinco itinerarios formativos. Está destinado a persoas maiores de 16 anos e menores 30 inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil e que conten, como mínimo, co Bacharelato. O programa porase en marcha a finais de marzo ou principios de abril.

Todos os itinerarios contarán con formación específica, transversal, prácticas en empresas e titorías de orientación, implicando a obtención da certificación oficial  correspondente.

Itinerarios 
Os mozos e mozas poderán decidir entre cinco camiños formativos diferentes, que contan con 17 prazas e dan dereito a un certificado profesional do nivel 3. O primeiro dos itinerarios está relacionado coa confección e publicación de páxinas web, con 460 horas de formación.

 O segundo leva por nome "Manexo profesional de drons, montaxe e mantemento, con especialización no seu uso para o sector audiovisual", con 400 horas. Outro dos itinerarios está vinculado ao desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web e conta con 430 horas de formación. O cuarto e o quinto versan sobre marketing e comunicación, así como community management, e teñen unha formación de 500 horas.

Marta Lois incidiu en que, "con ambos programas, formaranse máis de 400 persoas mozas, o que contribuirá á súa incorporación ao mercado laboral en sectores estratéxicos".