O FIE oferta máis de 1.000 prazas en actividades formativas para atopar emprego

O FIE oferta máis de 1.000 prazas en actividades formativas para atopar emprego
Queda só unha semana para o comezo do Foro de Innovación para o Emprego (FIE 2016) que se celebrará os próximos 15 e 16 de xuño no Palacio de Congresos. A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, explicou esta mañá que "a día de hoxe, se recibiron 112 ofertas de emprego, correspondentes a 144 postos de traballo, por parte de 67 empresas". Foron máis de 2.500 as inscricións nas ofertas, de máis de 1.000 persoas diferentes, e polo de agora foron enviados 650 currículos que se axustaban ao perfil requirido polas empresa. Moitas das ofertas que están a ser xestionadas continúan abertas a novas inscricións a través da web da Axencia Local de Colocación.

Xa se realizaron diversos cursos previos relacionados coas novas tecnoloxías e a marca dixital na busca de emprego, vía e-learning e webinar, nos que participaron máis de 1.100 persoas. No propio Foro desenvolveranse diversos obradoiros relacionados coas novas tecnoloxías e a creación dunha marca dixital para a busca de emprego, habilitándose 600 prazas. As inscricións deberán realizarse a través da web da Axencia dende hoxe, día 8 de xuño.

Obradoiros de portais de emprego e redes
A clave pasa por aprender novos trucos para encontrar traballo e familiarizarse cos portais de emprego de maneira eficaz, afinando as candidaturas e economizando o tempo. Para iso traballarase con Infojobs e Infoempleo.

Tamén se utilizarán outras plataformas, como Womenalia, a primeira rede mundial de mulleres profesionais, ou BeBee, unha nova rede social de networking que nun só ano de vida xa ten conseguido máis de 10 millóns de usuarios e usuarias a nivel mundial.

As persoas participantes poderán participar ademais de varios talleres prácticos de Pinterest, Google +, Instagram, Linkedin, Twitter ou Facebook, co obxectivo de aproveitar os recursos que ofrecen estas plataformas. O networking profesional virtual é unha ferramenta potente na busca de emprego. Das novas ferramentas tecnolóxicas, Twitter é unha das máis potentes, pero tamén das máis descoñecidas no ámbito laboral.

Obradoiros CV´s creativos
Haberá obradoiros de emprego de diversas plataformas como re.vu ou visualize.me para facer un CV infográfico e atopar traballo grazas á creación dunha marca persoal dunha forma entretida e atractiva.

Tamén se prepararon talleres para aprender a empregar Vimeo e Youtube para posicionar o CV. O Vídeo Curriculum é o novo modelo de curriculum vitae. Non substitúe ao antigo pero complementa e fai destacar do resto dos candidatos a un traballo. Finalmente, haberá un obradoiro para que as persoas con discapacidade poidan usar as TIC para a busca de emprego.

Presenta, convence, conquista
Outra das propostas é formación teórica e práctica sobre oratoria, imaxe persoal, así como xestión de redes e recursos audiovisuais para o emprego. Así, partindo dos coñecementos adquiridos nos cursos formativos, as persoas participantes poderán dar a coñecer o seu perfil profesional ante empresarios/as, prescriptores/as e expertos/as en recursos humanos que estarán presentes no Foro. É preciso inscribirse nesta actividade, que conta cun número limitado de prazas (60), a través da web da Axencia.

Marta Lois destacou que "o FIE promete ser un espazo de aprendizaxe e de coñecemento e recoñecemento de distintos soportes, portais e ferramentas para que as persoas demandantes de emprego poidan atoparse coas ofertas que máis se axustan ao seu perfil".