Orientación laboral

Orientación laboral

Ten por finalidade promover unha orientación profesional e laboral activa e eficiente para as persoas desempregadas. Consiste na execución dunha serie de accións programadas e estruturadas para que as persoas en busca ou mellora de emprego accedan nas mellores condicións ao mercado de traballo. Ao longo do proceso, tanto de carácter individual como grupal, facilítase que as persoas usuarias reflexionen sobre a súa situación laboral, tomen decisións sobre os seus proxectos ocupacionais e actúen de forma autónoma na busca de emprego mediante a planificación dos seus obxectivos laborais a curto, medio ou longo prazo e das actuacións para conseguilo. Entre os procedementos que se desenvolven neste servizo figuran:

Titoría individualizada (TI):
Proceso individualizado de orientación profesional, onde o técnico en orientación laboral e a persoa usuaria acordan os pasos a seguir para conseguir un óptimo desenvolvemento do itinerario de inserción profesional. O seu obxectivo é facilitar o desenvolvemento dos recursos e competencias do usuario que lle permitan identificar opcións, elixir entre estas, tomar decisións para planificar actuacións e avaliar os seus resultados de forma autónoma. Os contidos da acción versarán en función do perfil profesional e requirimentos do demandante de emprego sobre: Busca activa de emprego, desenvolvemento dos aspectos persoais para a ocupación e taller de entrevista.

Itinerarios persoalizados de inserción (IPI):
O técnico en orientación laboral traballará para potenciar e desenvolver os recursos persoais e competenciais do demandante.

Desenvolvemento dos aspectos persoais para a ocupación
Acción colectiva, encamiñada a incidir sobre os aspectos persoais que facilitarán a posta en marcha e mantemento de actividades nun proceso de inserción profesional. O seu obxectivo é facilitar as actitudes positivas de inserción mediante o desenvolvemento dos recursos persoais do demandante e asumir autonomamente o desenvolvemento e axuste do seu proxecto persoal de inserción profesional.

Grupo de busca de emprego
Acción colectiva encamiñada a que o usuario adquira e/ou desenvolva técnicas e habilidades que lle faciliten a busca activa de emprego. O seu obxectivo é que o demandante de emprego coñeza os instrumentos e adquira as habilidades necesarias que lle posibiliten realizar unha busca de emprego de forma activa, organizada e planificada.

Taller de entrevista
Acción colectiva dirixida a incrementar os coñecementos teórico-prácticos básicos e os recursos persoais dos demandantes de emprego para que afronten a entrevista de traballo con máis posibilidades de éxito. O seu obxectivo é exercitar de forma práctica, mediante adestramento en grupo, as habilidades, competencias e estratexias básicas necesarias nunha entrevista de selección para un posto de traballo.

Información de Ofertas de emprego (boletín ofertas de emprego, guías ofertas)
Ca finalidade de facilitar ás persoas desempregadas da cidade o achegamento ás ofertas de emprego, publícase un Boletín de Ofertas de Emprego con caracter semanal. Do mesmo xeito, anualmente se publican guías de Oportunidades de Emprego (nadal, veran,...)