A Axencia Local de Colocación inicia a inscrición en varios cursos e talleres no ámbito das TIC

DATA DE PUBLICACIÓN 23 de Mayo de 2019

A Axencia Local de Colocación organiza a segunda e terceira edición doworkshop "Progresa dixitalmente", en colaboración con Facebook. Ademais, xunto coa Cámara de Comercio, pon en marcha tres novos cursos no ámbito das TIC: un sobre deseño e impresión 3D, outro sobre robótica e un máis sobre programación electrónica aplicada. A inscrición pode realizarse a través da páxina web da Axencia Local de Colocación.

Os talleres de traballo "Progresa dixitalmente" realízanse en colaboración con Facebook e están dirixidos a mozos e mozas entre 18 e 30 anos, que deben asistir cun smartphone ás sesións que se celebrarán no edificio Cersia, en San Lázaro. Estes workshops gratuítos realizaranse o 24 de maio (2ª edición), de 16:00 a 20:00 horas, e o 25 de maio (3ª edición), de 10:00 a 14:00 horas.

Nas sesión realizaranse unha introdución ao pensamento de deseño (design thinking), utilizado por empresas líderes como Google, Facebook, Apple, etc. Tamén se darán consellos de seguridade para identificar as vulnerabilidades web e sobre métodos para protexerse contra o pishing e malware. Finalmente, os/as asistentes coñecerán a importancia de aspectos como as ferramentas web, a experiencia de usuario/a, a optimización de busca ou a analítica web.

Pola participación neste workshop, os/as participantes obterán un certificado do programa "Progresa dixitalmente" de Facebook e recibirán gratis unha batería externa universal para o seu móbil.

Cursos de deseño, robótica e programación 
Tamén está aberta a inscrición en tres cursos que se imparten en colaboración coa Cámara de Comercio, lugar no que se impartirá a formación. Están dirixidos prioritariamente a persoas desempregadas e son de balde.

A primeira das propostas é o "Curso básico de iniciación á programación electrónica aplicada, que se impartirá entre o 3 e o 7 de xuño en horario de 9:00 a 14:00 horas. Neste curso práctico, o alumnado aprenderá a programar dende a utilización de linguaxes de programación visuais e a súa integración coa electrónica para o desenvolvemento de proxectos. Esta rama da aprendizaxe ofrece saídas profesionais no ámbito da educación, empresas de deseño interactivo e audiovisual, fabricación dixital, iniciación aos videoxogos…

Outro dos cursos realizarase do 10 ao 20 de xuño, de 9:00 a 14:00 horas. Denomínase "Curso de iniciación ao deseño e impresión 3D" e nel o alumnado aprenderá en que consiste a metodoloxía do deseño e o desenvolvemento de proxectos, deseñará con software 3D e utilizará tecnoloxías de impresión 3D, cada vez máis demandadas no mercado laboral. Este é un campo que adoita xerar saídas profesionais en empresas de impresión, fabricación dixital, industria (mobiliario, metal, plástico, etc.), educación, arte ou enxeñería.

Finalmente, "Curso de iniciación á robótica con Arduino" introducirá ao alumnado nos conceptos básicos da electrónica e da programación con Arduino para a construción de sistemas robotizados con aplicación en case calquera campo profesional. Soen solicitar profesionais neste campo moitas empresas de base tecnolóxica (programación, electrónica, robótica, domótica), educación, profesorado, arte, vídeo e son, deseño ou empresas de enxeñería. O curso desenvolverase do 8 ao 19 de xullo, en horario de 9:00 a 14:00 horas.