A Mesa polo Emprego reuniuse esta mañá no Concello de Santiago para abordar diversas cuestións de interese en materia de empregabilidade para este ano 2018. A xuntanza estivo presidida pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e contou coa asistencia de Cámara de Comercio, Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela, CCOO, UGT e Asociación Plataforma polo Emprego.
Na xuntanza, Marta Lois deu conta
das actividades que se desenvolverán durante este ano no marco da Estratexia de
Emprego do Concello de Santiago para o período 2016-2020. As accións, que se
estruturan en catro áreas de actuación, contan cun orzamento global de 105.000
euros e beneficiarán a 250 persoas.
Catro áreas
O primeiro grupo de actividades leva por nome
"Servizos de apoio ás persoas para a consecución dun emprego" e nel
destacan os cursos de operador/a de máquina en almacén, escaparatismo, especialización
profesional en cociña e eventos, condutor/a de carreta elevadora, informática
básica para busca de emprego ou formación en habilidades sociais, así como
titorías e grupos colaborativos de inserción.
Dentro da segunda área atópanse os cursos sobre
as principais novidades introducidas pola Lei 9/2017, de 8 de novembro, de
contratos do sector público, e o seminario sobre aspectos clave do regulamento
europeo de protección de datos, ambos dentro da categoría "Emprego público
e compra ética".
O terceiro grupo, que leva por nome
"Fomento do emprendemento con especial incidencia na economía
social", incorpora catro xornadas e un curso, sendo este último sobre
comercio electrónico. As xornadas versarán sobre persuasión para a venda,
linguaxe non verbal, internacionalización da empresa e técnicas de marketing
dixital.
Tamén se elaborará un informe denominado
"Análise da situación laboral comparada: España, Galicia, Santiago de
Compostela".
Sinnum Job
Tamén se deu conta da candidatura de Santiago á
Convocatoria de Iniciativas Urbanas Innovadoras, co proxecto de Apoio ao
Emprego Protexido (Sinnum Job).
Trátase dun proxecto interdisciplinar orientado a impulsar un cambio
metodolóxico no marco da Iniciativa UIA, orientado a deseñar un modelo de
aplicación universal para a transición ao emprego de persoas con discapacidades
ou en risco de exclusión. O proxecto incorpora actividades centradas na
promoción da mobilidade eléctrica e busca ser un motor de sinerxias e futuros
proxectos que sirvan como nexo entre grupos de investigación, empresas,
administración e sociedade.
Este proxecto conta coa participación de
destacadas entidades que traballan na integración socio-laboral de persoas con
discapacidade ou en risco de exclusión social, coa intención de aunar os seus
coñecementos e capacidades a favor da integración laboral deste colectivo.
As entidades presentes na Mesa manifestaron toda
a súa disposición a apoiar o proxecto, liderado polo Concello de Santiago.
Plan Impulsa
A concelleira explicou tamén a subvención que o
Concello recibiu para o desenvolvemento do Programa Impulsa e que ascende a 526.000 euros. "Vén a completar
-tal e como sinalou Marta Lois- o millón e medio de euros que recibimos o ano
pasado para desenvolver o programa Ponte en marcha. Ambos os dous supoñen a empregabilidade de arredor
de 400 mozos e mozas menores de 30 anos", engadiu.