O novo programa Mocidade con Emprego abre a inscrición baixo o lema "Ponte en marcha!"

DATA DE PUBLICACIÓN 20 de Octubre de 2017

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e o técnico responsable da área de Emprego, Xavier Ferreiro, presentaron o programa Mocidade con Emprego, que abre este martes o período de inscrición ata cubrir as 323 prazas ofertadas . Esta iniciativa ten como obxectivo mellorar a empregabilidade da mocidade compostelá a través de 19 itinerarios de formación encadrados en oito sectores estratéxicos.

Mocidade con Emprego nace grazas á subvención de 1,5 millóns de euros concedida en xullo ao Concello de Santiago. Así, Mocidade con Emprego é un plan de formación certificada con prácticas en empresas, dirixido a mozas e mozos de entre 16 e 30 anos, desempregados/as, e que non estean integrados/as nos sistemas de educación ou formación, que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade da xuventude de Santiago. Pono en marcha a Axencia Local de Colocación e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través da Iniciativa de Emprego Xuvenil e Garantía Xuvenil. Desenvolverase entre o que queda de 2017 e 2018.

Tal como explicou Marta Lois, o programa desenvolverá 19 itinerarios de formación, encadrados en oito sectores estratéxicos: industria 4.0, enerxías renovables, hostalaría e turismo, atención socio-sanitaria, medio ambiente, agricultura ecolóxica, comercio electrónico e a loxística.

Máis de trescentas prazas 

Cada participante recibirá formación profesional específica, correspondente aos respectivos certificados de profesionalidade, e formación transversal nas seguintes materias: formento das novas tecnoloxías, fomento da igualdade e formación en idiomas. Tamén haberá prácticas profesionais non laborais en empresas e titorías persoalizadas durante a etapa formativa e de prácticas. Os/as participantes recibirán unha bolsa de 350 euros mensuais durante o período de formación e de prácticas profesionais non laborais.

As esixencias de estudos mínimos, segundo itinerarios, é a seguinte: 2 itinerarios do nivel 1, para mozos e mozas que non teñen a ESO; 7 itinerarios do nivel 2, para mozos e mozas coa ESO ou equivalente; e 10 itinerarios do nivel 3, para mozos e mozas co Bacharelato ou equivalente.

Ao respecto da selección, Xavier Ferreiro explicou que "para termos claro onde colocar a cada persoa, faremos unha diagnose e unha valoración do perfil de cada candidatura. Isto faise para colocar a cada persoa na opción máis acaída segundo as súas aptitudes".

A inscrición no programa pódese facer a través da súa web, www.ponteenmarcha.gal, onde se cubrirá un rexistro que recollerá tamén a experiencia laboral. Posteriormente farase unha entrevista persoal de orientación. O prazo de inscrición rematará cando todas as prazas estean cubertas.