A senda peonil do Sar suma xa 7,4 quilómetros de lonxitude, coa apertura hoxe do tramo entre Ponte Suarribas e Ponte da Fervenza. Este treito, de 900 metros, foi acondicionado polo alumnado do obradoiro de emprego Ecotur Xuvenil III. Os 15 rapaces e rapazas recibiron hoxe os seus diplomas acreditativos.
O alcalde, Martiño Noriega;
a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; e
o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro; percorreron esta mañá
o novo tramo da senda do Sar, na compañía do alumnado do obradoiro de emprego.
Tamén participaron José Alfonso Marnotes, director xeral de Orientación e
Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que
cofinancia o Ecotur Xuvenil
III; e Sinda Blanco, directora de Procesos sen
Ingreso da Xerencia de Xestión Integrada da Área Sanitaria de Santiago, posto
que a Consellería de Sanidade cedeu parte dos terreos precisos para o
acondicionamento da senda.
Escenario do Banquete de Conxo
A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento
Económico e Turismo salientou que "ademais da formación dos mozos e mozas
participantes, o Ecotur Xuvenil está permitindo que o Concello
acondicione zonas verdes que son de grande interese medioambiental e serven de
atracción turística para a cidade". Marta Lois mostrou a súa satisfacción
co resultado deste traballo "vinculado á recuperación do escenario do
Banquete de Conxo, que se vai lembrar o próximo mes cun ambicioso programa de
actividades".
O tramo aberto hoxe ten unha extensión de 900
metros entre Ponte Suarribas e Ponte da Fervenza, no contorno do Hospital
Provincial de Conxo. Os traballos desenvolvidos permitiron acondicionar e
recuperar os camiños tradicionais, limpar as ribeiras do río e restaurar a
vexetación, e mesmo levar a cabo pequenas actuacións para mellorar a calidade
das augas. Tamén se acondicionaron espazos de uso público e puxéronse en valor
algúns elementos patrimoniais, como o cenador do Banquete de Conxo.
Nas tres edicións dos obradoiros de emprego
acondicionáronse xa 7,4 quilómetros de senda peonil nas beiras do río Sar,
dende o Multiúsos ata Conxo.
Entrega de diplomas
Nesta terceira edición, no obradoiro de emprego
participaron 15 desempregados e desempregadas menores de 30 anos de idade. Oito
formáronse na especialidade de Instalación e Mantemento de Xardíns e Zonas
Verdes, e sete na de Colocación de Pedra Natural. Despois de seis meses de
formación e traballo práctico, o alumnado recibiu os seus diplomas
acreditativos nun acto celebrado no Pazo de Raxoi.
No acto de entrega, o alcalde, Martiño Noriega,
agradeceu o traballo dos mozos e mozas, que "permitirá que recuperemos o
contorno do Banquete de Conxo, un espazo significativo porque foi onde se
xuntaron estudantes e obreiros para pensar nun modelo de país mellor".
O Ecotur Xuvenil
III contou
cun orzamento de case 190.000 euros, dos que 140.000 foron achegados pola Consellería
de Economía, Industria e Emprego, e 50.000 polo Concello de Santiago.