O EQUIPO DE RRHH DE FINSA IMPARTIRÁ UN OBRADOIRO DE EMPREGABILIDADE O PRÓXIMO 29 DE XUÑO

DATA DE PUBLICACIÓN 24 de Junio de 2021

O Concello de Santiago de Compostela, a través do CEXTEC (Centro de Excelencia Tecnolóxica, Emprego e Coñecemento de Santiago de Compostela) organiza un ciclo de xornadas sobre o emprego, o talento e o desenvolvemento económico, en que axentes do tecido produtivo e da comunidade investigadora de Compostela transmitirán os seus coñecementos e iniciativas na xestión do talento para innovar, mellorar a produtividade e crear emprego de calidade.

O ciclo ten o obxectivo xeral de valorizar o talento como o elemento clave para a innovación e o crecemento económico, no marco dun modelo sustentable que garanta o emprego digno. Pódense sinalar como obxectivos específicos:

  • Apoiar a difusión e a transferencia de coñecementos e boas prácticas na xestión do talento.
  • Favorecer o coñecemento da realidade empresarial para mellorar a empregabilidade.
  • Axudar ao desenvolvemento das competencias para o emprego e ao descubrimento dos talentos.
  • Contribuír ás iniciativas que favorezan a captación e a retención do talento.
  • Contribuír ao desenvolvemento de redes de colaboración entre entidades públicas e privadas para reforzar a innovación e a excelencia no emprego.

A primeira xornada do ciclo contará coa participación de Finsa, a principal empresa de Santiago de Compostela en termos de facturación e número de persoas empregadas. O equipo de RRHH de Finsa impartirá un obradoiro de empregabilidade que busca dar a coñecer cales son os perfís e as competencias máis valoradas na empresa, así como o desenvolvemento dos seus procesos de selección.

Esta xornada diríxese prioritariamente a persoas desempregadas con estudos de bacharelato, ciclos de formación profesional (ou equivalentes), ou ben con experiencia no ámbito industrial.

O obradoiro será presencial, no salón de actos do edificio Cersial, o martes 29 de xuño ás 11.00 h. É imprescindible a inscrición previa na web: https://www.cextec.com/formulario-obradoiro-finsa/