A aplicación, "O Misterio do Monte Viso" (dispoñible xa en Google Play Store e, próximamente en AppStore) foi desenvolvida íntegramente polos mozos e mozas do Programa de Emprego Santiago Sustentable II, cofinanciado polo FSE a través da Xunta de Galicia e polo Concello de Santiago de Compostela. A App proporciona información in situ a través do teléfono sobre curiosidades do monte Viso e ofrece contidos multimedia dunha zona moi visitada, sobre todo durante as fins de semana, por familias e persoas chegadas de toda a comarca.
O xogo "O misterio do Monte Viso", se pode descargar de forma gratuíta a través de ‘Google Play’, e consiste en obter pistas das diferentes personaxes mitolóxicas para poder resolver ese misterio do Monte Viso. Esta iniciativa promove que a cidadanía e, especialmente os nenos e nenas, poida gozar dun lugar singular e de gran valor ecolóxico dun xeito diferente.
Coincidindo co seu lanzamento, o Concello tamén difundirá entre os escolares do municipio o xogo de cartas con Realidade Aumentada, que permitirá ver como as figuras da Senda Mitolóxica cobran vida en tres dimensións. Ademais, para todos os nenos e nenas que suban este vindeiro sábado 19 de xuño ao monte Viso…¡¡¡haberá premio!!!: unha camiseta con realidade aumentada do Rei Breogán.
Estas cartas de realidade aumentada e o xogo, "O misterio do Monte Viso", pretenden achegar todos os segredos da senda mitolóxica, facendo un percorrido polo monte do Viso e participando nunha presentación das personaxes da mitoloxía galega. A maneira de utilizalas é moi sinxela. Descárgase a aplicación, enfócase a carta que se desexe e… a gozar do xogo.
A tecnoloxía da realidade aumentada amplía as posibilidades da experiencia didáctica porque presenta un material máis lúdico e impactante para o alumnado, que esperta a súa curiosidade. É unha tecnoloxía que busca incluír anacos dixitais no mundo real, unha experiencia pouco común, unha nova forma de interactividade. A propia pantalla do dispositivo móbil, onde se visualiza o xogo, fusiona as dúas realidades, aumentando as posibilidades dun mundo real, ata o de agora máis limitado.
O Urco, nova incorporación nas criaturas do monte Viso
Con esta ocasión, o roteiro mitolóxico ampliase coa presenza do "Can do Urco", un can enorme de pelaxe negra con grandes e longas orellas, afiados cornos e feros ollos vermellos.
Visítanos en Instagram!!! @misterioviso