Clausura do Programa de Emprego Santiago Sustentable II

DATA DE PUBLICACIÓN 15 de Septiembre de 2021

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a directora xeral de Formación e Colocación da Xunta, Zeltia Lado Lago, entregaron esta mañá no Pazo de Raxoi os diplomas do programa de emprego de garantía xuvenil Santiago Sustentable II aos 16 alumnos e alumnas participantes.

O Programa de Emprego SANTIAGO SUSTENTABLE II cofinanciado polo FSE, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago, desenvolveuse entre o 15 de setembro de 2020 e o 14 do mesmo mes de 2021, cunha duración de 12 meses. Nel participaron 16 mozos e mozas desempregados menores de 30 anos e recibiron formación en dous certificados de profesionalidade: Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos, da familia profesional de Imaxe e Son, e Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web da familia profesional de Informática e Comunicacións.

Ademais da formación, realizáronse diferentes traballos audiovisuais e de programación web para o Concello de Santiago de Compostela, como vídeos de promoción do patrimonio natural ou a web que ofrece vistas 360 dos miradoiros que rodean a cidade. O produto máis destacable desenvolvido neste programa de emprego é o xogo de Realidade Aumentada "O misterio do Monte Viso", que pode descargarse de forma gratuíta a través de ‘Google Play’.  O xogo consiste en obter pistas das diferentes personaxes mitolóxicas presentes na Senda Mitolóxica do Monte Viso para poder resolver o misterio. Esta iniciativa promove que a cidadanía, e especialmente os nenos e nenas, poidan gozar dun lugar singular e de gran valor ecolóxico.

Coincidindo co seu lanzamento, o Concello tamén difundiu entre os escolares do municipio o Xogo de cartas con Realidade Aumentada, que permite ver como as figuras da Senda Mitolóxica cobran vida en tres dimensións. Estas cartas de realidade aumentada e o xogo "O misterio do Monte Viso" pretenden achegar todos os segredos da senda mitolóxica, facendo un percorrido polo monte do Viso e participando nunha presentación das personaxes da mitoloxía galega.

O orzamento global do programa de emprego ascendeu a 497.062,36 euros, dos cales o FSE e a Consellería de Emprego e Igualdade achegan 369.492,32 euros e o Concello, os 27.570,04 restantes.

No acto de clausura participaron o alcalde de Santiago, a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado Lago, e a xefa territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, Judit Fontela Baro.