O Programa de Emprego GENIUS do Concello de Santiago participa na novena edición de Inside the Lab do CiTIUS

DATA DE PUBLICACIÓN 07 de Julio de 2025

O pasado venres 4 de xullo de 2025, o persoal participante no Programa de Emprego GENIUS do Concello de Santiago asistiu á novena xornada Inside the Lab, organizada polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS).

Nesta xornada, o CiTIUS presentou ante empresas e administracións os seus últimos avances científicos e tecnolóxicos, amosando proxectos innovadores que están listos para ser transferidos á industria e á sociedade.

Ao longo da visita, as persoas asistentes puideron coñecer de primeira man trece tecnoloxías en estado avanzado de desenvolvemento. Entre elas destacan aplicacións de análise de imaxe médica animal (SAIA), sistemas para a detección de cancro de mama (BreastAnalyser), ferramentas de tradución automática en galego con redes neuronais ou intelixencia artificial feita dende e para o galego, como Carballo

Ademais, Inside the Lab 9 tamén presentou outras tecnoloxías punteiras como:

  • Chatty: modelos de linguaxe conversacionais avanzados.
  • EmoTrack: monitorización multimodal de emocións en tempo real.
  • Caracterización da biomasa forestal mediante datos LIDAR.
  • Identificación de especies de algas no fondo mariño.
  • O que ves é o que hai: detectores visuais de obxectos sobre FPGA.
  • O que tes é o que en realidade: detector de eventos cun chip CMOS.
  • energHius: tecnoloxía para colleitar enerxía para alimentar o futuro.
  • Gaia by Situm: solucións de asistencia xeoespacial.
  • Esencia: tecnoloxía para visualizar o corpo humano como un campo enerxético en constante cambio.

As persoas participantes no Programa de Emprego GENIUS tiveron ocasión de asistir en directo ás demostracións de funcionamento destas tecnoloxías, coñecendo de preto o potencial innovador do CiTIUS. Desde o programa queren agradecer ao centro a súa boa acollida e a oportunidade de achegar á cidadanía o traballo de investigación que se desenvolve no seu día a día.

Máis información  sobre a xornada en: Inside the Lab 

O Programa de Emprego GENIUS está financiado polo Fondo Social Europeo, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago, co obxectivo de mellorar a empregabilidade dos mozos e mozas participantes.