COMEZA OBRADOIRO DE EMPREGO “SANTIAGO SUSTENTABLE”

O alumnado participante desenvolverá un portal temático de sustentabilidade e participación cidadá a través de tecnoloxías web

DATA DE PUBLICACIÓN 08 de Octubre de 2019

O 30 de setembro o Concello de Santiago de Compostela pon en marcha o obradoiro de emprego “Santiago Sustentable” que durante 6 meses formará a dezaseis xoves de máis de 16 anos e menos de 30 incluídos no ficheiro do Sistema nacional de Garantía Xuvenil.

Os obradoiros de emprego teñen como finalidade facilitar a ocupabilidade  das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de Garantía Xuvenil, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social. Estes proxectos posibilitan ás persoas participantes a realización dun traballo efectivo que, sumado á formación profesional que reciben, favorecen a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

 

O alumnado seleccionado para participar no obradoiro de emprego “Santiago Sustentable” recibirá formación no certificado de profesionalidade Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web. Paralelamente á esa formación, creará un portal temático de sustentabilidade e participación cidadá que permita afianzar a comunicación do Concello de Santiago de Compostela ca súa cidadanía en todo o relacionado co desenvolvemento urbán sostible. Esta aplicación tamén permitirá a calquera usuaria ou usuario consultar información dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a axenda 2030 deste Concello. Tamén pretende favorecer unha ampla coalición multi-nivel en torno a implementación dos ODS a nivel local.

 

O obradoiro de emprego “Santiago Sustentable” conta cunha subvención de 180.021,28€ outorgados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para sufragar os custos da formación e contratación do alumnado e persoal docente e directivo, custos que contan cunha cofinanciación do Fondo Social Europeo que ascende ó 91,89%, con cargo ó Programa Operativo de Emprego Xuvenil do período 2014-2020. O Concello de Santiago de Compostela, pola súa parte, achega unha aportación de 5.010,00€ para gastos de elaboración de materiais e soportes precisos para a execución da aplicación que se vai desenvolver.