COMEZA O OBRADOIRO DE EMPREGO “SANTIAGO SUSTENTABLE II”

DATA DE PUBLICACIÓN 15 de Septiembre de 2020

O pasado 15 de setembro iniciouse o programa de emprego de garantía xuvenil “Santiago sustentable II” que se desenvolverá ata o 14 de setembro de 2021. Este programa está promovido polo Concello de Santiago de Compostela e cofinanciado polo Fondo Social Europeo, a Xunta de Galicia e o propio Concello.

“Santiago sustentable II” preséntase como o instrumento apropiado para proporcionar ás persoas que participan nel as ferramentas necesarias para propiciar a súa inserción no mercado laboral. Está destinado á mellora da ocupabilidade e á integración de persoas desempregadas menores de 30 anos, sinaladas como prioritarias no PNAE.

En “Santiago sustentable II” participan 16 persoas, que se formarán en dúas especialidades ou certificados de profesionalidade: desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos. Esta formación responde ás necesidades das empresas do sector das TIC e facilitará o acceso destes mozos e mozas a ese mercado de traballo que conta cunha presenza importante tanto na nosa cidade como en toda Galicia.

O obradoiro de emprego vai levar a cabo unha serie de actuacións que se adecuarán á formación implantada para cada módulo formativo, de tal forma que as persoas participantes, a través da teoría e da práctica, poderán adquirir os coñecementos e as competencias necesarias que demanda o mercado de traballo, sempre aplicando a teoría adquirida co fin de obter a experiencia profesional necesaria.