O PROGRAMA DE EMPREGO SANTIAGO SUSTENTABLE III SÚMASE Á CAMPAÑA COMPOSTELA EN NEGRO PARA DENUNCIAR AS VIOLENCIAS MACHISTAS

DATA DE PUBLICACIÓN 26 de Noviembre de 2021

O pasado xoves 25 de novembro as persoas participantes no programa de emprego SANTIAGO SUSTENTABLE III, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, quixemos sumarnos ós diferentes actos organizados na nosa cidade con motivo do Dia Internacional para a eliminación de todas as formas de violencia contra as mulleres.

Estamos ante unha lacra que non para. Segundo datos da Delegación do Goberno en Galicia, máis de 6.000 mulleres foron vítimas de agresións físicas e / ou psicolóxicas no que vai de ano, e no mesmo período, ditáronse 2.000 ordes de protección. O sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero (Sistema VioGen) posto en marcha pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior, rexistra en Galicia 4.046 casos activos, dos que 46 están cualificados como de alto risco. Cada día ábrense nos xulgados 17 novos procedementos xudiciais segundo informou no Parlamento de Galicia o Fiscal Xeral de Galicia Fernando Suanzes Pérez. É un dato preocupante, as mesmas fontes informan de que no 2020 as denuncias presentadas aumentaron un 1,27%.

#CompostelaEnNegro é unha campaña de sensibilización e denuncia social contra todas as formas de violencia que sofren as mulleres. O obxectivo é a construción dunha cidade libre de calquera forma de violencias machistas, o que será posible grazas á implicación de todas e todos.

No programa de emprego SANTIAGO SUSTENTABLE III sumámonos a esta campaña un ano máis, e os que faga falta, ata conseguiren que non sexa necesario tinguir a cidade de negro.