O programa GENIUS, é un programa de emprego do Concello de Santiago financiado polo Fondo Social Europeo, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago; no que participan 16 mozas e mozos menores de 30 anos que, durante 12 meses, reciben formación en alternancia co emprego en desenvolvemento de produtos audiovisuais e de aplicacións web.
Campaña para eliminar a especie invasora Tradescantia e preservar a beleza e biodiversidade do Banquete de Conxo. Manter baixo control á Tradescantia fluminensis é un paso crucial para conservar o Banquete de Conxo e a súa valiosa riqueza natural para as xeracións futuras.
Onte, 12 de febreiro, o alumnado do Programa de Emprego GENIUS realizaron unha intervención ambiental na zona do Banquete de Conxo, en Santiago de Compostela, para eliminar a especie invasora Tradescantia fluminensis. Esta planta, que supón unha ameaza para a flora autóctona ao desprazala, foi retirada manualmente polos mozos e mozas do programa nunha acción destinada a recuperar a biodiversidade da zona.
A Tradescantia, coñecida popularmente como herba da fortuna, é unha planta exótica invasora que representa unha ameaza para a biodiversidade dos espazos naturais galegos, xa que forma unha cuberta densa que impide o crecemento da vexetación autóctona. A súa eliminación é fundamental para a restauración ecolóxica do Banquete de Conxo, un enclave de alto valor patrimonial e ambiental en Santiago de Compostela. Esta acción enmárcase dentro dunha estratexia máis ampla de conservación da biodiversidade e recuperación dos hábitats naturais da zona.
Ademais da eliminación da Tradescantia, o alumnado sementou na zona de intervención gramíneas de varias especies para favorecer a recuperación do terreo pola flora autóctona local e instalaron casetas para paxaros, contribuíndo así á mellora do conxunto do ecosistema local.
Esta iniciativa, realizada dentro da programación transversal de Sensibilización Medioambiental do programa de emprego cofinanciado polo Fondo Social Europeo, ten como obxectivo último sensibilizar ao alumnado e á poboación en xeral sobre os efectos das especies invasoras e fomentar boas prácticas ambientais para previr a súa proliferación na nosa contorna.