O alumnado-traballador do programa de emprego “GENIUS” crea un estudo de gravación de podcast sobre a investigación na USC

DATA DE PUBLICACIÓN 24 de Abril de 2025

O alumnado-traballador do Programa de Emprego do Concello de Santiago “GENIUS”, financiado polo Fondo Social Europeo, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago, vén de poñer en marcha un estudo de gravación de podcast que servirá como plataforma para dar visibilidade á investigación punteira desenvolvida na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A iniciativa forma parte do itinerario formativo e laboral do programa “GENIUS”, que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas participantes mediante a adquisición de competencias profesionais reais. Neste caso, a creación dun espazo profesionalizado de gravación supón unha oportunidade para aplicar coñecementos técnicos e de comunicación audiovisual.

A serie de podcast afondará en diversos proxectos de investigación levados a cabo polos Centros Singulares e os Institutos de Investigación da USC, abordando temáticas que van desde as ciencias da saúde e a tecnoloxía ata as humanidades e o medio ambiente. A través de entrevistas con investigadores e investigadoras, reportaxes e análises divulgativas, o programa busca achegar o labor científico á cidadanía e destacar o papel fundamental que xogan estes centros no desenvolvemento da sociedade galega e internacional.

Este proxecto conxuga formación, innovación e divulgación científica, converténdose nun exemplo de colaboración entre institucións públicas para fomentar o coñecemento e impulsar novas saídas profesionais para a mocidade.